Sunday 05 de May de 2024

Portos de Galicia decántase pola demolición das vellas instalacións de Fondomar como paso previo á recuperación da ribeira de Barallobre


O alcalde de Fene e o concelleiro de Obras reuníronse en Santiago co presidente o ente público para abordar a recuperación da zona e dotala de novos usos

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e mailo edil de Obras, Justo Martínez, reuníronse este luns en Santiago co presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, para falaren da recuperación da ribeira de Barallobre e, principalmente, dunha solución para a posta en valor do contorno do peirao. Segundo se desprende da xuntanza, a intención do ente público é acometer a demolición das antigas instalacións de Fondomar como primeiro paso para rehabilitar a zona. Unha intención avalada por un informe técnico que tería elaborado Portos e que, segundo declarou Juventino Trigo, desaconsellaría o acondicionamento do recinto para novos usos. No mesmo sentido o goberno local propúxolle ao organismo dependente da Consellaría do Mar que, canda a demolición da nave abandonada, tamén se execute o derrubo da antiga EDAR de Maniños situada a escasos metros.

O rexedor local cualificou o encontro como “moi positivo” e destacou a “receptividade” do máximo responsable de Portos de Galicia con respecto ás propostas municipais para recuperar a ribeira de Barallobre. En principio, Juventino Trigo e Justo Martínez puxeron enriba da mesa todas as posibilidades, incluída a remodelación da nave de Fondomar para dotala de equipamento que permita usos vencellados ás actividades marisqueiras, deportivas, sociais e turísticas. Unha opción, a da remodelación, que Portos desbota debido ao mal estado das instalacións que, segundo un informe técnico do organismo, non serían aptas para rehabilitar nin para albergar actividade.

A alternativa que, segundo parece, será a que saia adiante é a de derrubar as instalacións xunto co peche perimetral e recuperar o contorno -duns 3.300 metros cadrados- como zona verde de cara a que, nunha segunda fase, se poida construír alí unha nova edificación. Nela ubicaríanse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas -como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo- e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros.

Ideas todas elas expostas na xuntanza de traballo con Juan José Durán, con quen tamén se falou do estado da antiga EDAR de Maniños. A depuradora -en desuso desde hai anos trala entrada en funcionamento da nova estación situada en Chanteiro- encóntrase na súa maior parte en terreos de Portos de Galicia, e de aí que o goberno local lle propuxese ao ente público que asuma a demolición destas instalacións dentro do mesmo proxecto que se leve a cabo para as de Fondomar, situadas a escasos 200 metros.

Para o executivo local, o encontro en Santiago coa dirección de Portos de Galicia supón “un paso firme” para recuperar a ribeira de Barallobre e a resposta “a unha demanda veciñal de moitos anos” expresada pola Liga de Amigos de Barallobre e outros colectivos sociais. O alcalde confía en que a execución dos traballos poida iniciarse ao longo de 2017.